|
Fraga autorizou nos últimos días o eólico que atenta contra o Camiño
A declaración ambiental esixe decoración xacobea nos muíños de vento e que se leve un rexistro
de paxaros mortos
MARCOS SUEIRO 06/02/2011 - 21:25 h
A aprobación por parte do Consello da Xunta o pasado 28 de maio de 2009 do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal autoriza a Fergo Vento Galicia a levantar un parque eólico no Iribio, en pleno Courel, a poucos metros do Camiño Francés e nos termos municipais de Sarria e Triacastela. Trátase do último requisito legal necesario para que a empresa poida levar a cabo a súa intención de aproveitar o vento desta zona da serra e producir enerxía eléctrica.
O proceso comezara anos antes, concretamente o 23 de xuño de 2005, cando a Xunta de Fraga sometía a información pública o proxecto para valorar o impacto ambiental e concluía o 12 de agosto de 2005 coa aprobación definitiva da declaración. Esta rapidez na aprobación do trámite máis relevante alertou a numerosos colectivos que dende o primeiro momento se opuxeron a construción dun parque eólico no Iribio por afectar gravemente a unha zona protexida. Colectivos como SOS Courel e a Asociación Cultural do Iribio iniciaron unha serie de reclamacións para tratar de impedir xudicialmente os efectos da decisión tomada pola administración.
Ata o momento a investigación da Fiscalía e a denuncia presentada ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia non deu resultado porque se está investigando todo o procedemento administrativo. Esta lentitude preocupa aos membros da Asociación Cultural Iribio que, a través do seu portavoz, Marcos Celeiro, se queixan da actitude pouco colaboradora da administración e do retraso acumulado na entrega dalgúns documentos do expediente administrativo necesarios para a revisión de todo o proceso”. Tamén aproveitan a revisión que ao seu xuízo hai que facer da concesión, para chamar a atención sobre “as condicións ridículas” que están consignadas na Declaración de Impacto Ambiental. Celeiro di que “neste documento as garantías que se esixen a empresa para preservar o medio natural é que nos muíños e nas aspas haxa unha decoración con motivos xacobeos para indicar que por aí está o Camiño, ademais da colocación de pantallas para evitar a visión das instalacións e un rexistro co número de paxaros que morren ao baterse coas aspas”.
Porén confían en que “ao final se poida deter este desastre que de continuar adiante traería consecuencias irreversibles para O Courel e para o núcleo central do Camiño francés”. “Non só habería un prexuízo para a conservación dun espazo natural virxe, senón que os resultados de produción de enerxía eléctrica serían moi escasos e pouco rendibles dende o punto de vista do rendemento empresarial, mentres que o Camiño de Santiago xera riqueza e emprego en localidades como Triacastela”, sentencia Celeiro.
Categorías: Noticias