|
COMUNICADO EN DEFENSA DA SERRA DO IRIBIO
O pasado xoves, día 16 de Xullo, ven de se publicar no DOG a
resolución pola que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de
incidencia supramunicipal do «Parque Eólico Oribio», nos concellos de
Triacastela e Samos.
Desde a Asociación Socio-Cultural «O Iribio» queremos manifestar a nosa
máis absoluta e rotunda OPOSICIÓN a este atentado contra a nosa terra
e o noso futuro:
1
É UNHA AGRESIÓN IRREVERSÍBEL AO MEDIO AMBIENTE. Este parque
eólico está situado na Rede Natura 2000, a rede de espazos
naturais protexidos no ámbito da Unión Europea creada en virtude
da Directiva 92/43/CEE, relativa á conservación dos hábitats naturais e da
fauna e flora silvestres, coñecida como Directiva Hábitats, co gallo de
salvagardar os espazos naturais máis representativos da diversidade de
hábitats e especies de Europa. Evidentemente este parque é unha
actividade INCOMPATÍBEL coa Rede Natura.
O obxectivo global da Directiva Hábitats, é ?contribuír a garantir a
biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da
fauna e flora silvestres no territorio europeo dos Estados membros?. Para o
cumprimento deste obxectivo global, a Directiva está estruturada en dous
grandes obxectivos máis concretos: a creación da rede Natura 2000 e o
sistema de protección global das especies.
A Directiva Hábitats crea a rede ecolóxica europea coherente de zonas
especiais de conservación. Esta rede de lugares terá que garantir o
mantemento (ou o restablecemento) nun estado de conservación
favorabel dos tipos de hábitats naturais e dos hábitats das especies na
súa área de distribución natural dentro do territorio da Unión Europea.
A Xunta de Galiza, mediante o Decreto 72/2004 tamén declarou a todos
os espazos naturais dentro dun LIC baixo a figura de Zonas de Especial
Protección dos Valores Naturais (ZEPVN), incluindoos desta forma na Rede
Galega de Espazos Protexidos segundo o estabelecido na Lei 9/2001 da
conservación da natureza de Galiza. Esta declaración implica estes
espazos deberán contar cun Plano de Conservación.
Os valiosos hábitats existentes nas áreas ocupadas polo eólico ainda non
contan con un estudo detallado, porén o LIC enteiro está afectado por
un Plano de Ordenación dos Recursos Naturais (PORN) que os está a
estudar en profundidade, e que legalmente impide calquer actividade
que poda modificalos mentras non se finalice a elaboración deste plano.
A propia documentación aportada pola empresa na sua solicitude
recoñece que afectan seriamente a 4 hábitats e contabilizan na zona
ocupada polo parque eólico mais 30 especies ameazadas reguladas
legalmente con diversos graus de protección.
A autorización deste parque eólico neste lugar contradice todas as
medidas de protección da natureza, e de levarse a cabo destruirá un
patrimonio natural que se perderá para sempre, privando as futuras
xeracións do uso do seu valor.
2
É UNHA AGRESIÓN AO PATRIMONIO MATERIAL E INMATERIAL DO
CAMIÑO DE SANTIAGO, nunha das serras máis emblemáticas dun
camiño declarado Ben de Interese Cultural (desde 1962), Primeiro
Itinerario Cultural Europeo (desde 1987) e Patrimonio Cultural da
Humanidade (desde 1993), estando este parque localizado totalmente
na súa área de protección e cun impacto paisaxístico fulminante.
Os aeroxeneradores incluidos de uns 100 m de altura están proxectados
no cimo dunha montaña de 1.440 m de altitude e serán visíbeis desde o
Bierzo ou Lugo capital. O impacto visual afectará a enormes áreas do
territorio e malamente se poderá minimizar ?decorando os muiños con
motivos xacobeos? ou ?plantando vexetación para tapar as vistas? como
rezan as insultantes medidas correctoras propostas pola administración.
3
É UNHA AGRESIÓN AO PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO E HISTORICO
DO «CAMIÑO REAL» que transcurre pola cresta do monte e sobre o
que se situarán literalmente os aeroxeneradores. Este camiño
medieval ten as súas orixes na época romana, e nel atópanse neveiros e
restos arqueolóxicos ainda por evaluar, nunha zona da Galiza onde se
están facendo espectaculares achádegos.
O parque eólico foi autorizado sen o mais mínimo estudo ou calquer
sensibilidade no referente ao patrimonio arqueolóxico, malia que os
expertos alertan do seu elevado interese.
O Camiño Real é ademais unha ruta de sendeirismo que ao caracter
histórico se lle suman unhas impresionantes vistas e o disfrute de espazos
naturais exclusivos, polo que as suas posibilidades de explotación para o
ecoturismo outorganlle un grandísimo valor.
4
É UNHA AGRESIÓN AO DESENVOLVIMENTO SOCIOECONÓMICO DOS
CONCELLOS AFECTADOS, onde non aporta ningún posto de traballo
directo nin indirecto, no entanto perxudica seriamente a economía
complementaria da agricultura predominante ligada ao turismo rural e
xacobeo, que é a única que medra positivamente nestes concellos.
Resulta contradictorio investir en desenvolvimento rural, en promoción do
Camiño de Santiago, subvencións e programas con fondos comunitarios
como o Leader+, LIFE+, etc, fondos para a conservación da natureza,
cando despois se introduce un parque eólico incompatiblel coa lóxica
destes investimentos e que bota por terra todo o esforzo público e
privado de desenvolvimento en concellos onde o principal problema é a
alarmante perda de povoación e a emigración a vilas próximas debido
as poucas alternativas económicas a unha agricultura en crise.
5
É UN INSULTO Á LEXISLACIÓN E PROCEDIMENTOS ADMINISTRATIVOS
sendo unha sucesión de irregularidades desde o inicio da sua
tramitación en 2004 onde se lle concedeu como FAVORÁBEL unha
Declaración de Impacto Ambiental con todo tipo de erros de fondo e
forma. Unha Declaración de Impacto Ambiental é un complexo informe
que require unha serie de informes previos de outras consellarias e
organismos, ausentes neste caso, e cuxa tramitación require case dous
anos. A Declaración de Impacto Ambiental para este parque foi
elaborada NO ESPECTACULAR PRAZO DUN MÉS, co governo Fraga en
funcións despois de perder as elecións e foi asinada polo Director Xeral
de Calidade e Avaliación Ambiental o DIA ANTES DO SEU CESAMENTO, que
deu o visto bo a un expediente chapuceiro e cheo de erros e no que
faltaban importantes informes e estudos previos. Ademais, claro, de
?pechar os ollos? diante do verdadeiro impacto que este parque
produce.
6
É UN INSULTO AOS VECIÑOS aos que se lles negan permisos para
actividades demostradamente sostíbeis dentro da Rede Natura
para logo autorizar algo tan agresivo como este parque eólico.
Impidese a construcción dun simple galpón polo ?impacto? que ten no
Camiño de Santiago, desde o que a maioria das veces nen se ve, e logo
autorízanse muiños que se ven a 80 Km.
Negase o permiso para ampliar as instalacións a un veciño emprendedor
que ten a única fábrica galega de instalacións deportivas, actividade
totalmente sostíbel e compatibel coa conservación da natureza e do
patrimonio, e que pretende empregar a 100 persoas da zona, e o
mesmo tempo autorizase unha actividade incompatibel e que non
emprega a ninguén.
7
É UN PRECEDENTE para novas concesións en espazos protexidos,
que realmente é o que busca este parque de dubidosa
rendabilidade, que principalmente pretende abrir as portas a
construcción masiva deles nos espazos protexidos das serras orientais.
Polos motivos anteriormente expostos, a Asociación Socio-Cultural O iribio
iniciou xa accións para impedir a construcción deste parque eólico.
Presentamos xa un recurso de reposición á licenza municipal de obras no
Concello de Triacastela ao detectarmos diversas iregularidades que
consideramos que a anulan.
Nos próximos dias formalizaremos tamén un recurso de reposición
perante a Xunta, e imos levar este tema aos tribunais se a administración
non rectifica na sua neglixencia.
Paralelamente iniciaremos charlas informativas nos próximos días nos
concellos afectados, onde explicaremos pormenorizadamente os
problemas que este parque ocasionará aos veciños e as alternativas de
futuro que o parque nos impide. Estas charlas estarán abertas a todo o
mundo e tentaremos fomentar un debate constructivo, onde terán voz
todos os asistentes. Trataremos de implicar aos colectivos afectados de
forma mais directa como son as comunidades de montes e o sector
hostaleiro.
Nesta semana botará a andar tamén unha campaña de recollida de
sinaturas baixo o lema «O Iribio: outro futuro, que non o leve o vento!»
que lle serán entregadas á administración esixindo a paralisación desta
barbaridade.
Procuraremos sensibilizar e movilizar a todas cantas presoas podamos
porque queremos que o futuro sexa algo diferente da depredación,
destrucción e desertificación social do rural.
Documento do comunicado en PDF
Categorías: Noticias